lunes, 29 de abril de 2013

CV PONTEVEDRA E SAN SADURNIÑO, CAMPIÓNS DA PRIMEIRA FASE DE COPA GALICIA

O pasado fin de semana celebráronse en Pontevedra e Noia as dúas finais da Primeira Fase de Copa Galicia. CV Pontevedra no apartado feminino e Aldebarán San Sadurniño no masculino, son os campións desta primeira rolda.
O Multiusos da Xunqueira en Pontevedra acolleu o sábado a competición feminina, na que o equipo anfitrión resultou vencedor. O CVPO Comercial Durán foi o gran dominador do primeiro play off de Copa, superando coa mesma solvencia ás rivais da semifinal, as ourensás do Dompa Gestión (25-18/25-20/27-25), e ao equipo finalista, o Caldaria Voleyourense (25-21/25-21/25-20). As pontevedresas sentenciaron as dúas eliminatorias en tres sets, e tan só as do Dompa no último parcial conseguiron realmente presionar ás xa campionas da primeira fase copeira.

O terceiro posto foi para o XAV Cambados que levou o bronce nun igualado partido ante o Dompa Gestión, no que os dous conxuntos combinaron rachas de bo xogo con outras de menor intensidade. Chegados ao quinto set, o equipo de Cambados non perdoou, deixando ás advarsarias en tres puntos (2-3: 15-25/25-23/25-17/9-25/3-15).
O Lancer Zenale San Sadurniño vence en Noia
Paralelamente á competición feminina xogouse en Noia a Fase Final Masculina. Na xornada matinal do sábado cumpríanse os prognósticos, e os dous primeiros clasificados da Segunda División chegaban á final gañando as súas respectivas eliminatorias.
O actual campión de liga e anfitrión no Alonso Rodríguez, o CV Noia, superou en tres sets (25-13 25-22 25-23) ao Narón Volea nun partido no que pouco puideron facer os ferroláns a pesar da súa melloría ao longo do encontro. Igual de clara foi a vitoria do Lancer Zenale San Sadurniño, que non deu opcións ao Comercial Durán pontevedrés e levou os tres sets por 25-23 25-10 e 25-20.
Xa na final, Noia e San Sadurniño reeditaban o seu último encontro en liga protagonizando un choque igualado e moi intenso que rematou, como na pasada ocasión coa vitoria dos ferroláns, nesta ocasión por 3 sets a 1 (25-23/21-25/21-25/20-25). Os noieses pagaron moi caro os malos comezos de set, sobre todo no terceiro e cuarto set, nos que os visitantes entraron con parciais avasalladores de 9-1 e 5-0.
O bronce foi para o Narón Volea, nun partido que a pesar de resolverse en tan só tres sets foi especialmente igualado, superando a barreira dos vintecinco puntos no primeiro e derradeiro parcial: 27-25, 25-17 e 27-25.
Os catro finalistas de cada categoría xogarán a seguinte fase da Copa Galicia xunto co resto de equipos que compiten en ligas nacionais. A clasificación nesta Primeira Fase servirá para determinar as cruces na vindeira eliminatoria.
Fuente: Federación Gallega de Voleibol


No hay comentarios: